Saturday 04 de May de 2024

A Xunta destina 215.000€ aos custos de persoal e á dotación de equipamento do novo Xulgado do Mercantil da Coruña


― O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou esta mañá xunto co presidente do TSXG, José María y Díaz-Castroverde, o novo órgano xudicial que comezou a funcionar esta semana e será atendido por 6 traballadores da Administración de Xustiza

― O Goberno galego destaca a prioridade do xulgado do Mercantil nº3 para axilizar a carga de traballo neste ámbito debido ao impacto da crise derivada da covid-19

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou hoxe xunto co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María y Díaz-Castroverde, o novo xulgado do Mercantil da Coruña que comezou a funcionar esta semana e no que a Xunta investiu 215.000 euros. Á visita tamén acudiron o xuíz decano da Coruña, Luis Merino, a secretaria de Goberno do TSXG, Concepción Otero e a xefa territorial da Vicepresidencia Primeira da Xunta na Coruña, María Barreiro.

A posta en marcha destes xulgados foi aprobada polo Ministerio de Xustiza a través dun Real Decreto de creación de novas unidades xudiciais tras a petición da Xunta consensuada co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a través da Comisión Mixta de Xustiza.

A solicitude incluía este terceiro xulgado do Mercantil na Coruña, así como 2 prazas de maxistrado, unha delas na sección 1ª da Audiencia Provincial de Ourense e outra na mesma sección da Audiencia de Lugo que están operativas desde o pasado 31 de decembro.
Foron priorizadas estas novas unidades, para aliviar a carga de traballo dos órganos con máis volume de asuntos en base ás estatísticas do Ministerio de Xustiza. Ademais, no caso do xulgado do Mercantil nº3 na Coruña cabe destacar a importancia que teñen os novos xulgados nesta xurisdición, xunto coa do social e do contencioso-administrativo, debido á especial incidencia da covid-19.
O xulgado do Mercantil da Coruña contará con 6 prazas de funcionarios – 2 xestores, 3 tramitadores e 1 auxilio-, ao igual que os outros 2 xulgados deste ámbito da cidade. Ademais, contará cun maxistrado/a e o letrado/a da Administración de Xustiza que deberán ser nomeados polo Goberno central.
Xa conta ademais con todo o mobiliario e o equipamento informático necesario para o seu correcto funcionamento dotado pola Xunta. De todas formas, a maior parte dos 215.000 euros de investimento total corresponde cos custos de persoal. En concreto, máis do 80% con 190.000 euros ao ano.